Thursday 02 de May de 2024

O Concello entrega o canón de bronce atopado na Praia de Laxe o ano pasado para a súa restauración


• A peza de artillaría foi atopada por dous mariñeiros de Laxe en decembro do 2022 e estivo depositado ata este mércores no Museo do Mar da vila.

• O canón foi trasladado ao Museo do Mar de Vigo para a súa restauración, aínda que desde o Concello agardan que volva a Laxe.

Na mañá deste mércores realizouse a retirada do canón de bronce que se atopaba depositado no Museo de Mar de Laxe desde decembro do pasado ano para ser trasladado ao Museo do Mar de Vigo.

O alcalde, José Luis Pérez Añón, fixo entrega da peza de artillería ao arqueólogo e submarinista da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Miguel San Claudio Santa Cruz. Ao acto tamén asistiu David Gándara Lema, un dos mariñeiros que atopara o canón.

Gándara e o seu compañeiro Pablo Fernández acharan o canón o 10 de decembro do 2022 na Praia de Laxe. Posteriormente fixeran entrega do mesmo ao delegado en Galicia da Real Liga Naval Española, José Manuel Pato González, quen depositara o elemento no Museo do Mar da vila.

O rexedor agarda que a peza volva a Laxe tras a súa restauración xa que “é un claro testemuño do noso pasado histórico relacionado coas rutas marítimas, as guerras coloniais e tamén como porto de recalada e de abastecemento de buque e barcos de diversa índole”.

A decisión última de que o canón forme parte da colección permanente do Museo do Mar corresponde á propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta.